Convocatoria das probas para a obtención do título de bacharel para maiores de 20 anos.

  • imprimir

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización.

A Orde do 10 de febreiro de 2012, modificada pola Orde do 22 de decembro de 2016, pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos, establece os obxectivos e características desa proba e prevé no seu artigo 4 que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará a súa convocatoria ou convocatorias anuais, sinalando os centros onde terán lugar e as súas datas de inscrición e de realización. En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da mencionada orde, RESOLVO: Convocar a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2020, con código de procedemento administrativo ED534A, nas modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

1. Condicións das persoas aspirantes.

1º. Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2020.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2019/20. O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

2º. As persoas aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles. Poderanse matricular tamén na proba, para realizaren o exercicio correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais, as persoas aspirantes que teñan superado as materias xerais e as materias troncais de opción propias da modalidade de Artes. 2. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1º.O prazo de presentación das solicitudes será entre o 27 de febreiro e o 12 de marzo de 2020.

2º.As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel, nos centros educativos sinalados no número 3º desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado (anexo I desta resolución) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.