Información pública da Ordenanza municipal reguladora das axudas de emerxencia social

  • imprimir

O pleno municipal, na sesión do día 6 de xullo de 2017 ven de aprobar a Ordenanza Municipal reguladora das axudas de emerxencia social no concello de Aranga, que se somete a información pública durante o prazo de trinta días a efectos de reclamacións e suxerencias.No caso de non presentarse ningunha a presente ordenanza quedará elevada a definitiva.

"ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DAS AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL

Exposición de motivos

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, atribúelles aos concellos, entre outras, a competencia para a creación, xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios básicos e específicos.

Os servizos sociais comunitarios, de carácter predominantemente local, están referidos a un territorio e a unha poboación determinados e constitúen o punto de acceso normalizado e o primeiro nivel de intervención do sistema galego de servizos sociais (artigo 9).

Con base no anterior, o artigo 9 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento contempla como Programa básico dos servizos sociais comunitarios o Programa de inserción social que "procure valorar, dar resposta ou derivar ao recurso idóneo as persoas en situación de risco de exclusión social, aplicando tanto proxectos de intervención personalizados ou de grupo como prestacións económicas específicas".

Así mesmo, a Lei de bases de réxime local 7/1985, do 2 de abril, modificada pola Lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración Local establece no artigo 25.2 "O municipio exercerá, en todo caso como competencias propias, nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas, nas seguintes materias:...e) Avaliación e información de situacións de necesidade social e atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social".

Artigo 1.- Obxecto

A presente ordenanza ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das Axudas de Emerxencia Social no Municipio de Aranga. Preténdese apoiar a aquelas persoas e unidades de convivencia que carecen de recursos económicos suficientes para afrontar necesidades básicas.

Artigo 2.- Definición

1.Considéranse axudas de emerxencia, para os efectos da presente ordenanza, aquelas prestacións económicas de pago único dinerario ou en especie, de carácter extraordinario, destinadas a resolver situacións puntuais de emerxencia que afecten a persoas con recursos económicos insuficientes para facer fronte os gastos específicos, de carácter ordinario ou extraordinario, para cubrir necesidades sociais básicas e atender situacións de urxencia ou exclusión social.

2. As axudas de Emerxencia Social caracterízanse por:

- O seu carácter finalista, debendo destinarse para satisfacer a necesidade especificamente sinalada no acorde de recoñecemento da axuda, feito que debe quedar acreditado.

- O seu carácter subsidiario, respecto doutras prestacións económicas recoñecidas ou recoñecibles segundo a lexislación vixente.

- O seu carácter persoalísimo e intransferible.

- O seu carácter transitorio, e non periódico.

Artigo 3.-Tipo de axudas

As axudas poderán cubrir os seguintes tipo de gastos:

3.1 Necesidades básicas de subsistencia non cubertas por outros sistemas de protección.

a. Alimentación: produtos básicos

b. Roupa e/ou calzado.

c. Produtos de aseo persoal e hixiene doméstica

d. Gastos farmacéuticos non cubertos polos diferentes sistemas públicos e que sexan de vital necesidade a xuízo de facultativo.

3.2 Gastos relacionados coa vivenda ou aloxamento:

a. Gastos necesarios para conservar o uso da vivenda ou aloxamento, (situacións de emerxencia ou sinistro tales como incendio, inundación ou outras causas imprevisibles e/ou inevitables que obrigaran ao seu abandono).

b. Fianzas, mensualidades para alugueiro ou hipoteca

c. Auga, enerxía eléctrica, gas ou outras subministracións e/ou equipamentos esenciais.

d. Obras necesarias para a habitabilidade da vivenda.

I. Reparacións extraordinarias e urxente necesarias para manter a vivenda en condicións de seguridade, hixiene e salubridade de carácter primario, sempre que a súa falta de atención puidese supor un risco para a súa vida e a súa saúde.

II. Instalacións de carácter básico que resulten imprescindibles para a subsistencia en condicións mínimas de habitabilidade da vivenda.

III. Gastos de mobiliario e/ou equipamento esencial e imprescindible.

IV. Adaptación funcional da vivenda para persoas que teñan recoñecida a condición de discapacidade; ou non tendo tal condición, teñan graves problemas de mobilidade, sempre que se trate de gastos non cubertos, ou non suficientemente, por outras axudas públicas, e sexan de primeira necesidade para o desenvolvemento da súa vida.

3.3 Gastos de cáracter básico relativos á educación dos menores ou membros da unidade de convivencia en idade escolar, sempre que non estiveran cubertos por outras axudas públicas.

3.4 Outros gastos non relacionados, considerados de primeira e urxente necesidade, xustificado suficientemente no informe técnico elaborado ao efecto.

NON son susceptibles desta axuda:

- Os gastos derivados de obrigacións tributarias e débedas coa Seguridade Social

- Os gastos derivados de multas e outras sancións pecuniarias debidas ao incumprimento de ordenanzas municipais

- Os gastos derivados do cumplimento dunha sentencia xudicial condenatoria.

- Gastos non considerados de necesidade básica e/ou equipamento ou mobiliario non esencial ( por ex. Telefonía fixa ou móbil, televisor, microondas...)

Artigo 4.-Beneficiarios

a) Persoas individuais ou unidades de convivencia.

b) Na unidade de convivencia tan só unha persoa pode ter a condición de beneficiario, aínda que se outorguen en beneficio da unidade de convivencia, entendendo por esta as persoas con parentesco ou non que conviven nun mesmo domicilio.

Artigo 5.-Requisitos

5.1 Ter residencia efectiva e estar de alta no Padrón municipal do concello de Aranga cunha antigüidade mínima de seis meses.

Poderase eximir deste requisito a aquelas persoas ou unidades de convivencia empadroadas no Concello que, por razón de necesidade, precariedade ou urxencia se atopen nunha situación de desprotección. Neste suposto será necesaria a achega dun informe técnico que xustifique a dita excepcionalidade.

5.2 No caso dun só membro da unidade de convivencia, o límite de ingresos será o equivalente a un importe inferior ao 70% do IPREM para cobertura de necesidades básicas de subsistencia, para os outros tipos de axuda establécese no 100 % do IPREM.

Se a unidade de convivencia está integrada por dous ou máis membros a renda per cápita mensual calcularase incrementándoa nun 25% por cada membro adicional.

Para este calculo teranse en conta os pagamentos extraordinarios, facendo un prorrateo mensual, no seu caso.

5.3 Capital mobiliario: non dispor de medios económicos suficientes para afrontar o gasto.

5.4 Capital inmobiliario: que a persoa solicitante ou calquera membro da unidade de convivencia, non sexa propietaria e/ou usufrutuaria de bens inmobles que indiquen de xeito notorio a existencia de medios materiais suficientes para atender o gasto obxecto da solicitude, agás a propiedade referente á vivenda destinada a uso propio.

Artigo 6.- Contía das axudas

Establécese unha contía anual máxima da axuda que estará en función da situación de emerxencia que se pretenda atender:

a) Cando se outorguen para a cobertura das "necesidades básicas de subsistencia" ,"gastos relativos á educación dos menores..." e "outros non relacionados" ata un 50%, no caso dunha persoa, da contía mensual establecida para o IPREM no exercicio económico que corresponda segundo a data de resolución de concesión; incrementándose un 20 % por cada un dos membros adicionais da unidade de convivencia.

b) O máximo das axudas para o resto dos conceptos será de 300 % IPREM anuais excepto xustificación suficientemente documentada no informe técnico elaborado para o efecto.

Estas axudas de emerxencia social, estarán supeditadas a un máximo de 4 axudas por unidade de convivencia ao ano e ás limitacións orzamentarias que anualmente se establezan.

Artigo 7. Aboamento das axudas

En xeral, o aboamento das axudas efectuaranllo os Servizos Económicos Municipais directamente ao provedor -emisor do recibo ou factura correspondente. De xeito puntual, poderanse ingresar directamente mediante transferencia á conta bancaria designada pola persoa beneficiaria ou en efectivo, presentando previamente as facturas e comprometéndose a proporcionar posteriormente os xustificantes do pago realizado.

Cando se trate de axudas para cubrir necesidades alimentarias básicas prioritariamente realizaranse en especie.

Artigo 8. Solicitude

As solicitudes presentaranse ante o Rexistro Municipal deste Concello, segundo modelo establecido, sen perxuízo do establecido no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As ditas solicitudes irán asinadas polo interesado ou polo seu representante legal.

Artigo 9. Prazo

O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto durante todo o ano.

Artigo 10. Documentación

1.-Xunto á solicitude, segundo modelo oficial, os interesados/as deberán achegar os documentos necesarios para xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos:

a) Fotocopia DNI ou documento de identificación persoal de todos os membros da unidade de convivencia.

b) Fotocopia do libro de Familia, ou no seu defecto documento acreditativo da garda, custodia ou tutela

c) Certificado de residencia e convivencia, no caso de non autorizar a súa consulta.

d) Certificado de discapacidade, no seu caso.

f) En caso de persoas incapacitadas, resolución xudicial de recoñecemento desta situación.

g) Xustificantes de ingresos e patrimonio de todos os membros da unidade de convivencia:

- Contrato de traballo e as últimas tres nóminas.

- Xustificante de pensión/s

- Certificación acreditativa do INEM de estar en desemprego con percepción ou non de prestación.

- Declaración do Imposto da Renda das Persoas Físicas.

- Estractos das contas bancarias onde se reflictan os movementos dos últimos seis meses.

- Declaración responsable doutros ingresos.

- Informe de vida laboral actualizado

h) Contrato de aluguer de vivenda e último recibo pagado.

i) Documentos que dean orixe á solicitude (reclamacións de cantidades por aluguer, requirimentos de pago con aviso de suspensión de subministración de enerxía eléctrica ou de gas e similares).

J) Orzamento da axuda que se solicita

2. O Concello de Aranga solicitará calquera outro documento que se considere necesario para a súa tramitación.

Artigo 11. Obrigas dos destinatarios

- Aplicar a prestación á finalidade para a que foi concedida.

- Informar de calquera outra axuda solicitada e /ou recibida para o mesmo concepto.

- Reintegrar o importe das prestacións indebidamente percibidas ou en contía indebida.

- Facilitar o labor do equipo de servizos sociais ofrecéndolles canta información sexa necesaria para a elaboración do informe técnico que permita valorar as súas circunstancias económicas e persoais, mantendo en todo momento unha actitude colaboradora.

Artigo 12. Instrución e resolución do expediente

1. Se a solicitude non reúne todos os datos e documentos aludidos anteriormente requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, entenderase por desistido da súa petición, arquivándose esta sen máis trámite nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude e documentación presentada será estudada e valorada polo Departamento de Servizos Sociais do Concello. Estes técnicos emitirán un informe técnico escrito no que se porá de manifesto se a persoa interesada cumpre os requisitos sinalados para percibir as prestacións solicitadas e contempladas.

4. O alcalde, ou órgano designado no seu defecto, logo de ver a documentación que consta no expediente resolverá a adxudicación das axudas de emerxencia social no prazo máximo dun mes (1 mes). Se transcorrido este prazo non obtén contestación, considerarase desestimada.

Artigo 13. Xustificación

1. Na resolución de concesión expresarase a obrigación do/da beneficiario/a de xustificar a aplicación da axuda á situación de necesidade á que se orientaba.

2. A xustificación da axuda realizarase no prazo máximo dun mes (1 mes) dende a súa concesión, mediante a presentación de facturas, recibos ou xustificantes orixinais que acrediten de forma fidedigna os gastos realizados.

3. Dado o carácter destas axudas, excepcionalmente admitiranse outras formas de xustificación que serán valoradas polo Concello.

Artigo 14. Denegación da prestación

A denegación das solicitudes que deberá ser motivada, procederá por algunha das seguintes causas:

- Non tratarse dun concepto susceptible de axuda.

- Non cumprir os requisitos esixidos.

- Poder satisfacer adecuadamente as necesidades por si mesmo e/ou co apoio dos seus familiares, representante legal ou gardadores de feito.

- Corresponder a outra administración pública.

- Por constar no seu expediente persoal non ter cumprido noutras ocasións en que se concedesen axudas puntuais de emerxencia, coas obrigacións mínimas impostas na notificación de acordo.

- Por calquera outra causa debidamente motivada.

Artigo 15. Reintegro

Procederá o reintegro das cantidades obtidas en concepto de Axuda de Emerxencia Social, nos seguintes casos:

a) Ter obtido a axuda falseando ou ocultando datos que determinasen a súa denegación.

b) Destinar a axuda a outros fins distintos daqueles que se especificasen na resolución de concesión.

c) Non xustificar a aplicación da axuda, ou xustificar fóra de prazo.

d) Nos casos previstos na lexislación reguladora de subvencións.

Artigo 16. Infraccións e sancións

O réxime de Infraccións e Sancións será o establecido no Título IV da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17.Confidencialidade

Segundo o disposto na Lei orgánica 15/1999 de protección de datos de carácter persoal e no artigo 6.3.f) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG num. 245 do 18/08/2008) garántese ás persoas usuarias de servizos sociais o dereito "á confidencialidade, ao sixilo e ao respecto en relación cos seus datos persoais e coa súa información que sexa coñecida polos servizos sociais por razón da súa intervención profesional...).

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira. Modelos normalizados

O anexo que se incorpora a esta ordenanza non ten carácter regulamentario, polo que o seu contido poderá ser adaptado, modificado, ou ampliado por resolución de Alcaldía ou órgano delegado, se vén a súa obrigatoriedade supedítase a súa publicación no BOP da provincia. Tamén se publicarán na páxina web municipal.

Segunda.- Normativa de aplicación

En todo o non previsto na presente ordenanza, estarase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e os seus correspondentes regulamentos, así como na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso a información pública e bo goberno.

Disposición final

A presente ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación integra no BOP da provincia, logo de transcurrido o prazo previsto nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1995, reguladora das bases do réxime local.

ANEXO I.SOLICITUDE

SOLICITUDE DE AXUDA MUNICIPAL DE EMERXENCIA SOCIAL

Don/a________________________________________________________ con DNI número___________, Con domicilio en ___________________________________________________________ e número de____ teléfono____________________________

SOLICITO:

UNHA AXUDA DE EMERXENCIA SOCIAL EN CONCEPTO DE

____________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________

Para o que presento a seguinte documentación:

a) Fotocopia DNI ou documento de identificación persoal de todos os membros da unidade de convivencia.

b) Fotocopia do libro de Familia, cando corresponda, ou no seu defecto documento acreditativo da garda, custodia ou tutela

c) Certificado de residencia e convivencia, no caso de non autorizar a súa consulta.

d) Certificado de discapacidade, no seu caso.

e) En caso de persoas incapacitadas, resolución xudicial de recoñecemento desta situación.

f) Xustificantes de ingresos e patrimonio de todos os membros da unidade de convivencia:

________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________

g) Documentos que dean orixe á solicitude (contrato aluguer, recibos, reclamacións de cantidades por aluguer, requirimentos de pago con aviso de suspensión de subministración de enerxía eléctrica ou de gas e similares...).

________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________

h) Orzamento da axuda que se solicita

DECLARO BAIXO A MIÑA RESPONSABILIDADE

1. Que son certos os datos que figuran na solicitude e na documentación aportada.

2. Que cumpro os requisitos esixidos para ser beneficiario dunha axuda municipal de emerxencia social

3. Que me atopo ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa seguridade social

4. Que NON / SI recibín axuda para a mesma finalidade por parte doutro organismo/Entidade ou Administración pública o día................................e por importe de.....................................

5. Autorizo ao Concello de Aranga a consultar os datos de residencia e convivencia no padrón municipal de habitantes SI / NON

Aranga,..........de.............................. de ...............

ALCALDE DO CONCELLO DE ARANGA."

Aranga, 10 de xullo de 2017

O Alcalde :

Asdo:Alberto Platas Álvarez